O Concello de Parada de Sil ven de convocar a Novena Edición do Concurso de Microrrelatos “Ribeira Sacra-Parada de Sil” 2021, que estará aberta para a presentación de traballos ata o próximo 30 de marzo de 2021. O fallo do xurado darase a coñecer o 7 de maio, en tanto que a entrega de premios terá lugar o 15 do mesmo mes no salón de actos do concello, durante o acto de celebración das Letras Galegas que cada ano celebra o Concello de Parada. De acordo coas bases, o certame concederá tres premios, o primeiro dotado con 1.000 euros; o segundo, con 500 euros e o terceiro con 300 euros. O xurado, como é habitual, estará presidido polo escritor, catedrático e hispanista Antonio Carreño e integrado por persoas de recoñecida solvencia no mundo das letras e a literatura. A gañadora da última edición (2020) foi a palentina Encarna Ruíz Rodríguez, co traballo “Una vida de película”, baseado no título de filmes recoñecidos no mundo do cinema. A autora fíxose co premio despois de que o xurado considerara a sua obra a mellor dos 1.044 traballos presentados a concurso, que supuxeron un récord de participación e tamén de lugares de procedencia, que abarcaron todas as comunidades españolas, Europa, América e ata Israel. A entrega de premios da anterior VIII edición desenvolveuse nun acto atípico, adaptado ás normas restrictivas derivadas da pandemia da COVID 19. Neste senso, tanto o alcalde, Aquilino Domínguez, como o concelleiro de Cultura, Francisco Magide, amosan a sua confianza de que na edición de 2021 sexa posible recuperar a normalidade para a cerimonia de entrega de premios e de celebración das Letras Galegas, que pola sua importancia e repercusión xa ten acadado un lugar destacado no panorama literario e cultural da provincia de Ourense.
BASES DO CONCURSO NOVENA EDICIÓN DO CONCURSO DE MICRORRELATOS “RIBEIRA SACRA-PARADA DE SIL” 2021 1. Os autores terán en conta que un microrrelato non é un conto, nin unha anécdota, nin unha ocorrencia. É un relato breve, caracterizado pola precisión no contar e no uso da linguaxe, así como por unha trama paradoxal e sorprendente. 2. Os microrrelatos serán de tema e estilo libre, poderán estar escritos en galego ou castelán e han de ser orixinais e inéditos. Cada autor só poderá participar cun microrrelato. 3. A extensión do texto non poderá exceder das 200 palabras, en formato DIN A-4, a dobre espazo, cun tipo de letra Times New Roman de 12 puntos. 4. A data de entrega finalizará o 30 de marzo de 2021. Para os enviados por correo postal contarase como data de entrega a de presentación na oficina de envío. 5. A presentación dos traballos poderase facer a través dos seguintes medios: I. Correo electrónico dirixido a: [email protected] poñendo en asunto o título completo da obra. No devandito correo achegaranse dous arquivos en formato Word: • O primeiro conterá a obra e como nome levará o mesmo que o título do traballo. • O segundo titularase PLICA (nome do traballo). Conterá os datos do participante: nome e apelidos, ano de nacemento, dirección postal, email e teléfono, título completo do microrrelato, así como declaración xurada conforme o traballo remitido a concurso é orixinal e inédito. Todas as plicas gardaranse nun cartafol protexido e as obras serán lidas polo xurado de forma anónima. Esta conta de correo é única e exclusiva para o envío dos microrrelatos e non se abrirá ata o día de finalización do prazo de entrega de microrrelatos ao concurso. Para calquera dúbida enviar correo a [email protected] II: Correo postal. Os traballos remitiranse por triplicado á seguinte dirección: “Concurso Microrrelatos, Concello de Parada de Sil”. Praza Campo da Feira nº 1. 32740 Parada de Sil. Ourense. Os textos enviaranse tan só co título e no interior, nun segundo sobre (plica) pechado, incluirase unha ficha co título do relato, autor, data de nacemento, dirección postal, email e teléfono así como unha declaración xurada conforme o traballo remitido a concurso é orixinal e inédito. 6. O Concello, como organizador, designará ao xurado competente que estará presidido polo catedrático, escritor e hispanista D. Antonio Carreño. 7. O fallo do xurado farase público o 7 de maio de 2021 e será inapelable. 8. Dotación e fallo do premio: 1º Premio: 1.000 € 2º Premio: 500 € 3º Premio: 300 € 9. A entrega do premio realizarase no acto de celebración do Día das Letras Galegas, que se celebrará no Concello de Parada de Sil o día 15 de maio de 2021. 10. A inscrición neste certame supón a total aceptación das bases. 11.Todas as persoas participantes autorizan ao Concello de Parada de Sil á utilización do relato citando ao autor ou autora do mesmo.
0 Comentarios
Deja una respuesta. |
Autoraribeirasacra.info Archivos
Enero 2021
|